Venres, 24 de maio de 2013

Colexio de xornalistas | Mapa Web | Contacto |RSS

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Observatorio Galego dos Medios de Comunicación




Obxectivos do Observatorio

Os obxectivos xerais e definitorios do Observatorio dos Medios son a promoción e defensa, a escala local e global, dun sistema de información que reúna as características de libre, veraz, completo e interactivo, integrado nun sistema de comunicación social axeitado ás necesidades dunha sociedade civil autónoma, en harmonía cun sistema institucional democrático.

Isto tradúcese en tres grandes grupos de actividades e obxectivos concretos:

  1. Producir información sobre os medios de comunicación:
    • Seguemento continuado dos medios: detección e denuncia de distorsións, ocultacións de información, invención de falsas realidades, identificación de nesgos, criterios de selección de contidos, modos de tratar a información, etc.
    • Identificación das características permanentes de cada medio, dos nesgos informativos, da orientación ideolóxica, dos intereses defendidos, da temática preferente, etc. Isto con independencia da lexitimidade desas características, de maneira que o obxectivo non é só nin principalmente formular "denuncias", senón facer que o/a receptor/a da información teña coñecemento sobre o sistema que o/a informa e sobre cada unha das súas compoñentes.
    • Análise estrutural das causas das características detectadas, tanto directas e internas aos medios, como de orde económica, política, social ou tecnolóxica de carácter xeral.
  2. Servir de foco de converxencia da sociedade civil, para unha alianza estratéxica entre:
    • Os/As profesionais da información responsable, quérese dicir, os/as xornalistas que reclaman o dereito a cumprir honestamente unha función esencial para o sistema democrático e para a existencia dunha sociedade civil autónoma.
    • A cidadanía activa, quérese dicir, os/as receptores/as de información considerados/as como cidadáns/cidadás e non como meros/as consumidores/as de información que amosan a súa predisposición a intervir no control da calidade da información que se lles fornece.
    • Os/As creadores/as-productores/as do discurso teórico (analítico e programático) sobre o sistema informativo, no ámbito da universidade e da investigación: democratización informativa, mediación cualificada, criterios deontolóxico-profesionais, propostas de carácter xurídico, iniciativas políticas ou sociais, utilización axeitada da tecnoloxía, etc.
  3. Actuar como voceiro desa alianza, e chegar á opinión pública para:
    • Sensibilizala de forma xeral, permanente e crecente sobre a importancia do sistema informativo e da necesidade dunha vixiancia cívica sobre do mesmo.
    • Mobilizala cando sexa pertinente, a favor de posibles melloras concretas, corrección de deficiencias, ou de solucións, e rexeitamento de abusos.


Volver

"O OM busca sensibilizar a cidadanía de xeito permanente e crecente sobre a importancia do sistema informativo e da necesidade dunha vixiancia cívica sobre do mesmo"


Accesibilidade | Privacidade | Mapa Web | Contacto | RSS

Copyright © 2001-2006. Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Reservados tódolos dereitos.