Xoves, 23 de maio de 2013 | 15:03

Colexio de xornalistas | Mapa Web | Contacto |RSS | English | Castellano

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Observatorio Galego dos Medios de Comunicación




O proxecto

O Seminario Permanente sobre Comunicación, Cidadanía e Xornalismo Social é unha iniciativa do Observatorio dos Medios, estabelecido no marco do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que procura profundizar na análise, formación e debate das ligazóns existentes entre o tecido organizativo da sociedade civil, os profesionais da comunicación e a comunidade universitaria.

Desde esta premisa, desenvolveranse unha serie de actuacións buscando unha maior e máis efectiva presenza das problemáticas e dos actores sociais nos medios de comunicación, en condicións de igualdade de importancia en relación a outras temáticas e protagonistas cotidianos.

Abordaranse, entre outras, as seguintes áreas:

  • Muller, xénero e sexismo.
  • Infancia, adolescencia e mocidade.
  • Necesidades especiais e discapacidades.
  • Persoas maiores.
  • Drogodependencias.
  • Grupos minoritarios e minorizados.
  • Pobreza e Cuarto Mundo.
  • Exclusión e integración social.
  • Participación democrática e cidadanía.
  • Desenvolvemento sustentable.
  • Responsabilidade social corporativa.
  • Cooperación e acción humanitaria.

Obxectivos

  1. Reflexionar sobre a función social dos medios na sociedade actual, afrontando o fenómeno da comunicación de masas en relación co mundo dos coñecementos especializados e cos procesos de fragmentación e segmentación social.
  2. Analizar e valorar a participación dos medios de comunicación na construción da cidadanía e das identidades sociais, así como o potencial rehabilitador que para os propios medios (escritos, audiovisuais e electrónicos) comporta a entrada das organizacións da sociedade civil nas axendas xornalísticas.
  3. Abordar sistematicamente os novos actores sociais –o Terceiro Sector– na súa interacción cos medios e cos xornalistas, estabelecendo pautas teóricas e procedimentais que visualicen e plasmen na práctica a transversalidade do xornalismo social.
  4. Desenvolver metodolóxica e tecnicamente a optimización do proceso de comunicación, non só entre as organizacións e os propios medios, senón tamén entre elas mesmas e os demais actores sociais.
  5. Deseñar unha estratexia orientada á concienciación e sensibilización, por parte dos medios de comunicación, da necesidade de xerarquizar o eixo social na organización das redaccións e dos seus contidos, explorando así a súa articulación na axenda diaria en igualdade de importancia co tándem político-económico, ao tempo que permita redefinir a función social e a autoría profesional dos e das xornalistas.

Os Foros

Entre outras actuacións, que inclúen a creación dun fondo documental especializado, o seguemento das noticias relativas a temáticas sociais e a elaboración de diversas unidades didácticas e manuais teóricos, o Seminario Permanente apostará nos próximos anos pola organización dunha serie de Foros Internacionais sobre as cuestións centrais que aborda.

Estes Foros, que terán un carácter mixto ao combinar unha fase virtual e unha fase presencial, pretenden estimular un diálogo transdisciplinar e multilateral entre profesionais da información, comunidade académica e sociedade civil organizada, colocando en común e discutindo as problemáticas que a todos incumben.

Os textos e comunicacións presentados serán disponibilizados en-liña, participando todas as persoas implicadas na súa crítica e análise, como requirimento previo para a súa posterior publicación na revista especializada que lanzará o Seminario: Comunicación e Cidadanía. Revista Internacional de Xornalismo Social - Social Journalism International Review. Os Foros culminarán nun encontro presencial no que estabelecerán as conclusións finais.